A peza nace dun obradoiro desenvolvido en varias sesións nos últimos meses de 2019 e que tiña como asunto central o emprego material persoal á hora de confeccionar unha dramaturxia colectiva.

En VIAXE CARA O DESASTRE cada persoa participante achega experiencias ao redor da idea do desastre asociada á de entusiasmo, as cales se poñen ao dispor do resto de participantes, configurando unha especie de Banco colectivo de uso libre.

A finalidade do obradoiro non era outra que coñecer os mecanismos de ficcionalización a partires de realidades alleas ( alterficción), nunha contorna estética onde a palabra e a acción son equivalentes, para finalmente configurar unha peza na que os eus queden diluídos en favor dunha narración multipersonal, complexa e inacabada. E o resultado foi unha performance, sorprendente en moitos aspectos estéticos e cunha gran capacidade de suxestión.

Se no proceso de abrirse aos demais mediante a confesión empúxanos a necesidade de autoafirmación e compresión por parte dos outros, no proceso de narrar as confesións subxace un desexo de “ desdramatización” e de festa, no que predomina a ironía e critíca cara a unha contorna social onde reina o absoluto individualismo desde a competencia máis irracional e con frecuencia salvaxe.